FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

Hoxe 10 de Setembro ás 7:30h., a empresa Residencial Marina Atlántica S.A. irrompeu con maquinaria pesada e provocando graves destrozos na praia da cheminea de Massó (adxúntanse imaxes). Estes feitos son parte da súa constante agresión e ilícita pretensión de construir un aparcadoiro de barcos na lámina de auga da que é concesionaria lexítima a Cofraría de Pescadores San Xosé de Cangas.
Asimesmo, facendo caso omiso da prohibición de circulación a vehículos de máis de 3,5 Toneladas, un camión penetrou ate as cercanías da nave principal da factoría Massó no Salgueirón, incumprindo de xeito flagrante a normativa vial do Concello de Cangas.
Esta ofensiva por parte da empresa prodúcese o día anterior ao paro xeral da flota de baixura da ría de Vigo, convocada pola Cofraría de Pescadores San Xosé de Cangas.
O Foro Social de Cangas continuará a denunciar o atentado medioambiental na zona do Salgueirón, así como a pasividade de Clara Millán, alcaldesa de Cangas, e demáis administracións con competencias plenas para paralizar a devandita desfeita.
Axuntamos as denuncias presentadas no Xulgado de Instrucción de Garda, na Garda Civil e no Concello de Cangas.
Cangas 10 de setembro de 2009

....................................,
DI nº ..................................
Rúa ................. nº.........
............. Cangas do Morrazo
Pontevedra
AO XULGADO DE INSTRUCCIÓN DE GARDA
Por ser lexítimo o interese, ao abeiro da lexislación vixente, como mellor en dereito proceda, COMPAREZO, e veño denunciar o seguinte:
FEITOS.
O día 10 de setembro, as 07:30, o camión PO-8670-AK da empresa EXCONGAL S.A., facendo caso omiso da prohibición de circulación a vehículos de máis de 3,5 Toneladas, penetrou ate as cercanías da nave principal da factoría Massó no Salgueirón, ate o lugar onde a empresa PUENTES Y CALZADAS INFRAESTRUCTURAS S.L. se atopa realizando traballos de movemento de pedra e realizando vertidos no mar sen contar coas preceptivas licencias municipais.
Unha pala escavadora da mesma empresa EXCONGAL S.A., atopábase realizando, sobre a mesma hora, traballos de movemento de terras na praia denominada “da cheminea”, provocando graves destrozos na vexetación de sistema praia-duna con restos de hábitat de dunas costeiras con vexetación herbácea (hábitat de conservación prioritario para a Unión Europea con código número 2130 recollida no Anexo I da Directiva Hábitat 92/43/CEE) e na propia beirada da praia, atopándose no lugar algunhas plantas de interese como Glaucium flavum (Crantz), Honckenya peploides (L.) Ehrh, Pancratium maritimum (L.), Polygonum maritimum (L.) e Crithmum maritimum (L.) entre outras.
Pola zona achegouse, sobre as 8:00 horas, un coche patrulla da Garda Civil con dous números aos que aquí se require como testemuñas dos feitos relatados. Preguntados por unha posible intervención do SEPRONA, responderon sobre a necesidade de dirixirlle directamente unha denuncia ao SEPRONA na casa.cuartel de Cangas.
Tamén son testemuñas dos feitos , aparte do denunciante, .........................., con DI nº ...................e ..............................., con DI nº .................................
Axúntanse probas gráficas dos feitos denunciados.
Polo exposto
SOLICITO
A investigación dos feitos e a adopción das medidas pertinentes e oportunas respecto aos feitos acaecidos, habida conta que poden ser deducidos delitos contra a ordenación do territorio, contra o planeamento urbanístico e contra o medio natural e concordantes, todos eles recollidos no vixente código penal.
Cangas a 10 de setembro de 2009



